Biografía

o-artista

Cambre (A Coruña), 1958.

Iniciase moi novo en debuxo artístico co pintor Aurelio de Lombera. Posteriormente, tras realizar estudos de Medicina en Santiago de Compostela, asiste de 1985 a 1990 a clases de pintura coa pintora Fina Mantiñán. Entre outros, atenderá o curso de gravado Gráfica 94, taller de litografía en Betanzos, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo e, en 2002, participará no V Curso Internacional de pintura, dirixido por Antonio López García, en Jerez de la Frontera.

A súa ampla traxectoria expositiva comprende, desde finais dos 80, tanto a nivel individual como colectivo, as principais cidades galegas, podendo verse a súa obra en salas de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela ou Ferrol e tamén en exposición conxunta en Santander con Fina Mantiñán. En 2000 a Xunta de Galicia publica un libro coa súa obra: Xavier Muíños, a plasticidade da cor, e lle patrocina unha exposición itinerante polas catro provincias galegas.

A partir dos anos 90 o seu traballo cruza fronteiras para visitar espazos expositivos de diversas capitais europeas, desde Madrid até Barcelona, pasando, por exemplo, pola galería Art Prèsent de París ou salas en Frankfurt e Salzburgo.

A súa obra forma parte de coleccións de administracións diversas, como a Xunta de Galicia ou os concellos de A Coruña e Oleiros, así como diversas entidades bancarias (BBVA, Abanca ou Banco Gallego) e importantes coleccións particulares de, entre outros países, EEUU, Xapón, Alemania ou Francia.

Sobre a súa traxectoria, tense dito del:

Unha pintura que carga os seus contidos da esencia existencial galega”.
Emilio González López, cronista oficial de Galiza.

Unha pintura non só inquietante, senón tamén profundamente suxestiva”.
Magnífico debuxante, posuidor dunha paleta de tonalidades sorprendentes”.
Álvaro Delgado – El Punto de las Artes

“Unha obra tremendamente traballada, resultado dun espírito meticuloso e ordenado“.
Ana Vasco