Biografía
Cambre (A Coruña), 1958.
Iniciase moi novo en debuxo artístico co pintor Aurelio de Lombera. Posteriormente, tras realizar estudos de Medicina en Santiago de Compostela, asiste de 1985 a 1990 a clases de pintura coa pintora Fina Mantiñán. Entre outros, atenderá o curso de gravado Gráfica 94, taller de litografía en Betanzos, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo e, en 2002, participará no V Curso Internacional de pintura, dirixido por Antonio López García, en Jerez de la Frontera.
A súa ampla traxectoria expositiva comprende, desde finais dos 80, tanto a nivel individual como colectivo, as principais cidades galegas, podendo verse a súa obra en salas de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela ou Ferrol e tamén en exposición conxunta en Santander con Fina Mantiñán. En 2000 a Xunta de Galicia publica un libro coa súa obra: Xavier Muíños, a plasticidade da cor, e lle patrocina unha exposición itinerante polas catro provincias galegas.
A partir dos anos 90 o seu traballo cruza fronteiras para visitar espazos expositivos de diversas capitais europeas, desde Madrid até Barcelona, pasando, por exemplo, pola galería Art Prèsent de París ou salas en Frankfurt e Salzburgo.
A súa obra forma parte de coleccións de administracións diversas, como a Xunta de Galicia ou os concellos de A Coruña e Oleiros, así como diversas entidades bancarias (BBVA, Abanca ou Banco Gallego) e importantes coleccións particulares de, entre outros países, EEUU, Xapón, Alemania ou Francia.
Sobre a súa traxectoria, tense dito del:
“Unha pintura que carga os seus contidos da esencia existencial galega”.
Emilio González López, cronista oficial de Galiza.
“Unha pintura non só inquietante, senón tamén profundamente suxestiva”.
“ Magnífico debuxante, posuidor dunha paleta de tonalidades sorprendentes”.
Álvaro Delgado – El Punto de las Artes
“Unha obra tremendamente traballada, resultado dun espírito meticuloso e ordenado“.
Ana Vasco